O Mosteiro de Moraime

Fito de pedra coa sinalización do Camiño de Santiago
Camiño Xacobeo de Santiago a Muxía
26 Agosto, 2015

O Mosteiro de Moraime

Igrexa de Xulián de Moraime Muxía - Foto: Luis Miguel Bugallo Sánchez (Wikipedia)

Aínda que non existan documentos que acrediten a data de fundación, suponse que foi fundado cara a metade do século XI. A primeira doazón documentada que se lle concede a este mosteiro da Orde Bieita data do 1095, feita por Argido Peláez, viúva de Arias Pépiz, ligada á familia dos Condes de Traba, que lle doou a este cenobio e ó seu abade Hodorio, o seu mosteiro familiar de San Xoan de Borneiro. Por estas mesmas datas, Froila Pérez, tamén da mesma familia, faille a este mesmo mosteiro a doazón da vila de Sarteguas (Berdoias – Dumbría), cos seus servos, que quedarían libres á súa morte.

Exterior do Mosteiro de MoraimeNo ano 1105, o Conde de Traba D. Pedro outorga unha cantidade para a súa reparación dado que este mesmo ano fora asaltado polos normandos, feito que recolle López Ferreiro na súa “Historia Compostelana”. Anos máis tarde, cara 1115, foi de novo arrasado polas incursións sarracenas. Foi a partires desta data cando se levantou o templo actual e un novo mosteiro adosado na súa parte sur. A construción lévase adiante debido á axuda que lle presta o rei Alfonso VII, segundo recolle tamén a “Historia Compostelana”: este rei favoreceu a Moraime, en agradecemento polos servizos que o abade Hodorio e os seus antecesores lles prestaran na súa adolescencia e nenez, mentras estivo refuxiado neste mosteiro, cando as loitas entre os seus partidarios e os da súa nai Dna. Urraca.

Concédelle tamén doazóns a este mosteiro o rei Fernando II; primeiro a herdade do lugar de Castro (Frixe-Muxía) no ano 1165, e dez anos máis tarde o lugar de Merexo (Ozón- Muxía). Posteriormente varios reis confírmanlle estas doazóns feitas polos seus antecesores.

A partires da segunda metade do século XIV, Moraime comeza a sufrir os saqueos da pequena nobreza rural, que pouco a pouco se vai adonando dos seus bens desobedecendo as ordes dos monarcas para que non atenten contra as propiedades deste mosteiro. Deste xeito é como se produce a decadencia de Moraime.

Ata o ano 1489 este mosteiro dependía de San Martiño Pinario; como mostra desta depencia aínda queda hoxe o escudo coa árbore e dúas cunchas, situado na fachada principal da igrexa. Baixo o reinado dos Reis Católicos pasa a depender, a igual que outros mosteiros galegos, do Real Mosteiro de San Bieito de Valladolid.