No mapa podemos observar o tramo do Camiño Xacobeo que, procedente de Santiago de Compostela, discorre polo concello de Muxía. O Camiño que vén de Santiago sepárase na aldea de Hospital no concello de Dumbría, proseguindo o que vai a Fisterra por Buxantes e o que vai a Muxía por Dumbría. Neste último, despois de atravesar o río na Pontevella, introdúcese o peregrino dende Dumbría polo Camiño Real ata Trasufre, onde se atopa a Capela da Santiña do Espiño. Logo de Trasufre, despois de atravesar o río Castro, tomará o peregrino o primeiro camiño á dereita (tamén Camiño Real), chegando así ao lugar de Senande, coa súa feira(que se celebra o primeiro luns de cada mes) e as súas casas señoriais con importantes escudos de nobreza. Do campo da feira proseguimos en dirección a Vilastose, onde se pode ver a igrexa cun curioso campanario, separado da mesma.
Saíndo de Vilastose, tras percorrer 300 m. aproximadamente, tomaremos o camiño á dereita que vai ata Quintáns, pasando polos seguintes lugares: Cruce da Naca de Eguas e Prado da Rega e Caduzo. En Quintáns visitaremos a Capela fundada no S. XVII e adicada a San Isidro Labrador e a Santa María da Cabeza, sen esquecer o cruceiro que se atopa no Campo de Abaixo da vila. De Quintáns saímos pola praza principal (a cal é o símbolo de maior identidade deste lugar) e, pasando polo medio da aldea, retomamos a ruta en dirección a Pedregás (antigo camiño de peregrinación e procesións locais); ao chegar ao devandito lugar de Pedregás podemos admirar o seu cruceiro e tamén a curiosa Cerca da Pedra da única casa existente neste lugar, a medio camiño entre Quintáns e San Martiño de Ozón. Nesta última vila admiraremos a beleza do antigo mosteiro e a súa igrexa románica.
De San Martiño de Ozón prosegue o Camiño por Vilar de Sobremonte, pero o novo ensanche da estrada Berdoias-Muxía volveuno moi perigoso para os viandantes, polo que se impón buscar unha pequena variante que nos fai descubrir fermosas paisaxes mariñas. Polo tanto, tomaremos o camiño que leva dende a igrexa de San Martiño de Ozón ata Merexo, proseguindo polo Alto de Vilela ata chegarnos a Os Muíños. O nome deste lugar fai referencia aos moitos muíños que había no lugar, conservándose aínda algúns deles. Na actualidade é o lugar máis poboado da parroquia de Moraime, facendo de centro de comunicacións cara Cee e Fisterra, así como cara a Ponte do Porto.
Dende Os Muíños atravesamos o río Negro (o cal desemboca na extensa praia de Area Maior, lugar concurrido na tempada de verán), e subindo unha pequena costa chegaremos ao Mosteiro de San Xiao de Moraime coa súa igrexa románica datada do S. XII. Despois subiremos por Casasnovas ata atravesar a estrada Berdoias-Muxía, introducíndonos por un camiño que nos levará á capela de San Roque, moi preto do lugar de Chorente.
Aínda que dende sempre o camiño que vai de Moraime a Muxía percorreuse baixando a Carrúa e pasando xunto a Figueiras, a beleza da paisaxe invítanos a caminar xunto ao mar. Deste xeito dende a capela de San Roque baixaremos cara o mar e chegaremos á praia de Espiñeirido e, tomando un anaco de camiño que rodea o mar, entraremos en Muxía pola praia da Cruz.
No camiño que nos leva á Barca visitaremos a igrexa románica-mariñeira de Santa María de Muxía, que se atopa nun excelente estado de conservación.
Un camiño empedrado condúcenos en poucos minutos ata o Santuario da Barca. Á nosa dereita, o mar fai brilar as pedras dos acantilados, poboadas de gaivotas, e o congro sécase como unha gran escultura feita de peixe e de vento. Diante dos nosos ollos aparecerá o infinito do océano, o infinito do ceo de Muxía para reflectirse no granito inmemorial e máxico como comezo e final dunha crenza, dunha historia ou, se cadra, dunha lenda que moveu, move e moverá multitudes con fervor, con fe ou coa curiosidade do que descobre a máxica historia dunha Virxe, dunha Pedra.