Muxía non ten unha tradución específica, pero nós cremos que o seu sonoro nome é sinónimo de encanto. É unha pequena vila mariñeira nun municipio de 5.000 habitantes na bisbarra de Fisterra, provincia da Coruña. Na súa buliciosa pero calmada vida diaria todo xira arredor do mar, que abraza e azouta a península na que se abeira a vila. O porto, as confrarías de pescadores, os secadoiros de congros, as redes de pesca que cobren as canellas, as praias e o paseo marítimo son sinais de identidade dunha das vilas máis pintorescas e representativas de toda a costa galega.
Muxía segue sendo auténtica, malia que na última década o turismo se conformase como un activo e un atractivo da economía local. Alén os valores do mar, o atractivo e importante patrimonio artístico da vila atrae anualmente miles de visitantes que se ven seducidos pola beleza e o misticismo de recantos únicos como o Santuario da Virxe da Barca ou o Mosteiro de Moraime, pero tamén polos rastros de cultura deixados por personaxes tan relevantes como Gonzalo López Abente ou Xervasio Paz Lestón.
Todo o potencial e a maxia pausada de Muxía magnifícanse o segundo domingo de setembro, canto ten lugar a Romaxe da Virxe da Barca, unha festa que se converteu nunha celebración de repercusión autonómica, na que a música, a tradición e o misticismo se collen da man para que o visitante goce dunha das experiencias máis intensas que A Costa da Morte pode ofrecer.